Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta recoñece a excelencia de 85 egresados universitarios con premios fin de carreira


— Outórganse 11 galardóns máis ca no curso anterior

— O 60% das galardoadas son mulleres e por universidades, a de Santiago de Compostela conta con 31 galardoados, a de Vigo con 39 e a da Coruña con 15

A Xunta de Galicia vén de resolver a concesión dos premios de fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no curso académico 2019/2020 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), a través dos que se recoñece a excelencia de 85 egresados (11 máis ca no curso anterior) que remataron de xeito brillante a titulación.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade concede a cada un dos galardoados un premio de 3500€ e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo. A relación completa de galardoados pode consultarse no Portal Educativo.

Dos premiados 51 (o 60%) son mulleres e os 34 restantes son homes. Por universidades, a de Santiago de Compostela conta con 31 galardoados, a de Vigo con 39 e a da Coruña con 15.

Puido optar a este premio o alumnado que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que tivera acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

O número de galardóns vén determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Así, aquelas titulacións con ata 199 persoas egresadas optan a un premio, as que teñan entre 200 e 299 a dous e as que conten con 300 ou máis persoas optarán a tres premios. As titulacións que teñan entre 400 e 499 persoas egresadas optan a catro premios, e as de máis de 500 persoas egresadas poden optar ata cinco premios.